Concello de Touro Concello de Touro Concello de Touro Concello de Touro

Turismo en Touro

Flora e fauna

Flora e Fauna - Ponte Basebe

Flora

A maior parte do concello está ocupada por montes, prados e terras de cultivo, ademais da estructura vexetal típica das ribeiras do ríos. Así, podemos clasificar as unidades de vexetación en diferentes tipos de formacións onde se distinguen os estratos arbóreo, arbustivo e herbáceo.

As distintas variedades de plantas que forman a flora do Concello de Touro é similar á dos outros concellos do interior de Galicia con clima oceánico. Hai que ter en conta tamén que hai un río importante, o Ulla, que pasa polo sur do concello e a el van parar varios afluentes que regan as terras do Concello, polo que abundan tamén as árbores típicas da ribeira dos ríos.

Entre as especies arbóreas de aproveitamento forestal temos:

O eucalipto, que está invadindo os nosos montes, pero que tamén se ve atacado polas pragas que lle comen as follas. Ultimamente estanse a facer repoboacións con especies máis resistentes como "o nítel", "o peludo" e outras especies bravas de inferior calidade.

Flora e Fauna - Touro

O carballo do país, que tamén se reproduce con facilidade en varios montes, pero que ultimamente non ten demasiada saída senón que sexa para leña de queimar ou que se trate de troncos dereitos e nos que se poida serrar. O prezo que se paga por el é moi baixo. Na actualidade as plantacións que se fan desta especie, son de "carballo americano" que medra máis rápido e máis dereito.

O pino
(tamén moi abundante); a maioría e pino do país, o que houbo toda a vida, pero agora tamén se están facendo repoboacións con outras variedades como o "pino insigne" e o de "Oregón".

O castiñeiro,
unha árbore que foi sempre moi prezada polos agricultores, tanto polo seu froito, as castañas, como  pola súa madeira de excelente calidade para facer mobles e tamén para "palancas" que se empregan para arma-las viñas. Ultimamente tamén está sendo atacado pola enfermidade da tinta e outras pragas.   ·       

O ameneiro,
que se empregaba para facer zocos, "buxas" para os muíños e outros utensilios, pois ten unha madeira fácil de traballar. ·       

A nogueira,
menos abundante pero proporciona unha das mellores madeiras e tamén das máis cotizadas.

Outras especies ás que tamén se lle pode quitar rendemento para o sector forestal, son o bidueiro, a cerdeira, a abeleira, a sobreira, o freixo, o loureiro, o salgueiro e outras de escaso interese para o sector da madeira. 

Fauna

A variedade faunística do concello de Touro é moi similar á que aparece no centro de Galicia. Esta fauna está influenciada por moitos factores, onde o máis determinante é o antrópico.

Entre os animais domésticos que se crían nas casas ou nas granxas para consumo humano ou para aproveitamento dos seus beneficios destacamos os seguintes: A vaca, o porco, a ovella, a galiña, o galo, o cabalo, o burro (xa quedan poucos), a cabra, o parrulo, o pavo, as abellas, o coello, o ganso e ultimamente estanse introducindo especies como as avestruces.  

Como animais de compañía temos o can, o gato, o periquiño, e algún que outro animaliño que se pode atopar nalgunhas casas.

Fauna e Flora

Entre as especies de caza temos o porco bravo, a perdiz, o coello, a lebre, o raposo, o cervatiño e poucos máis.

Entre as especies de pesca está a troita, o salmón e a anguía.

Entre a fauna salvaxe, que é menos aproveitable para o consumo humano pero que desempeña a súa función dentro do ciclo da natureza, temos que diferenciar dentro dos animais vertebrados:

Os mamíferos como: O lobo, o raposo, o porco teixo, o porco bravo, o ourizo cacho, o coello do monte, a lebre, o rato do campo, o esquío, a toupa, o morcego, o cervo, o furón, a donicela, a lontra, a marta e os visóns que ceibaron das granxas

As aves como: o corvo, a pega marcha, a pega rabilonga, o merlo, o moucho, a curuxa, a perdiz, o pombo, a rula, o paspallás, a andoriña, a bubela, o paporroibo, o gorrión, o peto, o carrizo, o estorniño, o miñato e outras.  

Réptiles
como: o lagarto arnal, a lagartixa, a tartaruga, o biscáncer, as cóbregas de monte, a cóbrega de río e a tan temida víbora; anfibios como: as ras, as píntegas e os sapos.  

Dentro dos animais invertebrados destacamos os seguintes: o caracol, a lesma, o cempés, as arañas, a pulga, o piollo, o pulgón, a carracha, o escaravello das patacas, a vacaloura, a formiga, a cadela frade, o alacrán, a termite, a cascuda, o vagalume, a miñoca, a mosca, o mosquito, a xoaniña, o grilo, o saltón, o cabalo do demo, a bolboreta, o abellón, o gurgullo, a abella, a néspera, o tabán e outros moitos centos de animaliños.  



Proxecto financiado por
Concello de Touro Agader Consellería do Medio Rural FEADER Ministerio de Medio Ambiente y Medio Rural y Marino Xacobeo