
Entroido dos Xenerais da Ulla
Datas: Entroido
Trátase dunha tradición propia da comarca do Ulla cuxas primeiras referencias datan da década de 1870. Ademais de en Touro, celébrase noutros municipios da zona: Boqueixón, Teo, Vedra, Santiago de Compostela, A Estrada, Silleda e Vila de Cruces.
O Entroido en Touro ten como protagonistas principais ás parroquias de Bama e Fao, onde sempre velaron por manter tradicións de moi longo percorrido, como a do discurso dos Xenerais, que impresionan polas súas rimas e temáticas e, como non, polas súas vestimentas.
Na actualidade, está declarada como Festa de Interese Turístico.
Os coñecidos Xenerais e Correos percorren as parroquias dacabalo vestidos con traxes que emulan os uniformes militares do s. XIX e que se decoran con vistosas plumas. Acompáñaos un “exército” de abanderados, coros, comparsas e parrandas. Para finalizar, os Xenerais atópanse nun punto do seu percorrido dacabalo e escenifican un alto (‘atranque’). Este recital consiste nun enfrontamento dialéctico por parellas no que se fai burla e sátira de temática local, política e amorosa.
O ‘Santo Entroido’ é o principal protagonista o Martes de Entroido, que se adoita celebrar na parroquia da Fao. Faísca, alegría, ritmo, luxuria, abuso e pracer para os sentidos, o Entroido representa todos os pecados e praceres.