Igrexa de San Martiño de Calvos
Parroquia: Calvos de Socamiño (San Martiño)
Lugar: Xunqueira
A igrexa parroquial de San Martiño, construída no século XVIII, é de estilo barroco. Está realizada en cantaría e cachotaría de granito revocado. Entre os seus elementos decorativos destacan as pilastras nas esquinas, rematadas con pináculos, así como os marcos das portas e o campanario, todos eles en pedra vista. Este último segue o estilo característico do barroco compostelán, presente tamén noutras igrexas da zona.
O patrón da parroquia é San Martiño de Tours, un soldado romano que se converteu ao cristianismo e máis tarde tomou os hábitos, chegando a ser bispo de Tours (Francia). Foi pioneiro na introdución do modelo de vida monástica na Europa occidental, e destacou pola súa loita contra as inxustizas e o paganismo persistente nas zonas rurais, sempre cunha actitude conciliadora. Na fachada principal da igrexa, sobre o lintel da porta, aparece representado cos atributos propios da súa condición de bispo, coma son o báculo e a mitra.
As festas patronais na honra a San Martiño celébranse os días 11 e 12 de novembro. Aínda que a festa máis destacada é a da Virxe dos Dores, de gran tradición, que se celebra o terceiro domingo de xullo.
En moitas localidades, a celebración do San Martiño mestúrase coa do Magosto, unha das festas máis tradicionais de Galicia. O magosto soe celebrarse entre o 1 e o 11 de novembro, é dicir, entre o Día de Defuntos e o de San Martiño. Está relacionado coa recollida das castañas, e é costume comelas asadas acompañadas de chourizos con pan, xa que a época coincide coa da matanza tradicional do porco. Nalgunhas zonas do interior de Galicia, ademais, é habitual aproveitar a ocasión para probar o viño novo.
Entre os lugares de interese próximos destacan, ademais do conxunto formado pola igrexa, o cruceiro e a fonte con cabezas de leóns, o castro de Calvos. Aínda que aínda non foi escavado, é visible a súa estrutura defensiva.
Tamén merece mención o Pazo de Rosende, non visitable pero, un edificio de gran valor patrimonial que conta con capela, hórreo, cruceiro, xardíns e diversas dependencias tradicionais.
Outra visita recomendada é a Fervenza de Rosende, situada dentro da ruta de sendeirismo PR-G 233. Ruta da Fervenza das Hortas ao río Lañas.
