Igrexa de San Miguel de Vilar

Parroquia: San Miguel de Vilar (San Miguel)
Lugar: Vilar

Igrexa parroquial, construída no século XVIII e de estilo barroco. A súa planta é rectangular, cunha soa nave e unha cabeceira cadrada que destaca do resto do edificio. Aínda que feita en cantaría e cachotaría, está lucida e pintada de branco, destacando polo campanario de estilo barroco compostelán.

San Miguel Arcanxo, patrón da parroquia, é un dos tres arcanxos mencionados na Biblia xunto con Gabriel e Rafael. É considerado defensor da fe, protector da Igrexa, guía das almas e guerreiro contra o mal. A súa festa litúrxica celébrase o 29 de setembro, xunto con San Gabriel e San Rafael. Adoita representarse con armadura de soldado, espada ou lanza na man, pisando ao demo e, ás veces, cunha balanza que simboliza xustiza. É patrón de policías, soldados, bombeiros e de quen afronta perigos.

Este templo ten un amplo espazo de aparcamento que tamén sirve de campo da festa, onde atopamos un cruceiro nun lateral. A base deste cruceiro é curiosa xa que ten coma decoración dúas caveiras e entre elas dúas tibias cruzadas, que representan a morte.

É un recurso de fácil visita xa que apenas hai que desviarse uns metros da estrada Ac-240, o que fai que sexa combinable a visita con destinos próximos coma a fervenza de Mince, a de Choufano ou a igrexa de Santiago de Prevediños.