Igrexa de San Vicenzo de Bama

Parroquia: Bama (San Vicenzo)
Lugar: A Eirexe

Esta igrexa parroquial, de estilo barroco, data do século XVIII. Foi construída con cachotaría e cantaría de granito. Na actualidade está revocada e pintada de branco, aínda que se mantén á vista o acabado natural da pedra nalgúns elementos coma a torre do campanario, os marcos das portas e ventás, así como os esquinales, todos feitos en cantaría.

San Vicenzo Mártir é o patrón da parroquia, e a súa festividade celébrase o 22 de xaneiro. É un santo moi venerado, pois foi o primeiro mártir cristián da Península Ibérica e tamén é o patrón de Valencia, cidade onde faleceu despois de sufrir numerosas torturas por se negar a renunciar á súa fe.
Adoita representarse con símbolos do seu martirio, como unha parrilla, rodas ou cordas, ademais da tradicional palma do martirio. En ocasións tamén aparece cun libro pechado, que o identifica como predicador da fe.

Nas proximidades da igrexa atópase a Queixerías Bama, unha das marcas de queixo galego máis recoñecidas. Elaboran produtos tanto baixo a Denominación de Orixe Protexida (DOP) Arzúa-Ulloa como baixo a DOP Tetilla.