Igrexa de Santa Mariña de Circes
Parroquia: Circes (Santa Mariña)
Lugar: Os Chaos- 15828 Touro
A igrexa parroquial, dedicada a Santa Mariña, celebra a súa festividade o 18 de xullo. Segundo a tradición, foi unha mártir cristiá que sufriu numerosas torturas.
Entre os atributos máis representativos de Santa Mariña atópanse un forno aceso, instrumento dun dos seus martirios, e a representación de tres fontes, que se di que brotaron onde caeu a súa cabeza ao ser decapitada. A súa historia e a súa representación iconográfica son tan semellantes ás de Santa Margarida de Antioquía que adoitan confundirse.
A igrexa só abre as súas portas durante a celebración das misas, fronte a ela atópase o cemiterio parroquial, que se pode ver facilmente dende a estrada e que conta no seu interior cun cruceiro.
A pouca distancia, os visitantes poden descubrir o petróglifo da Pena Furada, un importante xacemento arqueolóxico xa que nesta zona non son moi habituais estos gravados. A zona tamén está atravesada pola ruta de sendeirismo PR-G 233, que ofrece unha excelente oportunidade para explorar a súa riqueza histórica e natural.
