Igrexa de Santa Uxía de Fao
Parroquia: Fao (Santa Uxía)
Lugar: A Eirexe
Esta igrexa data do século XX, presenta unha planta rectangular con dous corpos acaroados que forman internamente sendas capelas. En canto ó seus muros son de cachotaría lucida pintada de branco, excepto a fachada principal, que está construída en cantaría. Destaca tamén o seu campanario en espadana que desafía á gravidade, xa que presenta unha lixeira inclinación cara diante.
Santa Uxía é a patroa da parroquia, foi unha das primeiras mártires cristiás, viviu no século III e de orixe noble presenta unha vida curiosa xa que cando se converte ó cristianismo xunto cos seus eunucos Proto e Xacinto disfrázase de home adopta o nome de Uxío. Ingresa nun mosteiro onde chega a ser abade. Mais, a súa identidade foi descuberta, e tanto Uxía coma os seus eunucos foron arrestados polas autoridades romanas, sendo martirizados pola súa fe.
Na arte é representada xeralmente con hábito masculino, que simboliza a súa vida de ocultación, tamén cunha palma ou espada, símbolos do seu martirio, e unha coroa representando a recompensa celestial. As veces preséntase acompañada de Proto e Xacinto.
A parroquia de Fao ademáis é atravesada polo “Camiño Real”, hai que sinalar que na aldea de Soutullo estivo situada a Casa do Concello de Touro antes da súa localización actual.
Xunto coas festas patronais de Santa Uxía celébranse do 13 ó 15 de setembro, a outra festa de grande importancia é o Entroido cos Xenerais do Ulla. Este é un dos entroidos tradicionais de Galicia recoñecido como Festa de interese turística que nesta parroquia soe celebrarse o martes de Entroido. Esta tradición é propia da comarca natural do Ulla, dos concellos de Boqueixón, A Estrada, Santiago de Compostela, Silleda, Teo, Touro, Vedra, Vila de Cruces. Tamén se celebra na parroquia padronesa de Carcacía. Aínda que hai que destacar que non en tódalas parroquias destes concellos, algunhas perderon a tradición desta celebración e outras non pertencen a área de influencia.
Aproveitando a visita a esta igrexa parroquial, poderíamos achegarnos a visitar outros puntos de interese moi próximos coma son a Fervenza do Inferniño ou Pozo do Pego que se atopan dentro da ruta de sendeirismo PR-G 93 Ruta da Ribeira do Ulla.
