Miradoiro do coto de San Sebastián
O Miradoiro do Coto de San Sebastián localízase a 385 metros de altitude, entre as parroquias de Loxo e Fontes Rosas.
Coordenadas: 42°51’46.5″N 8°21’06.4″W
Dende este privilexiado lugar pódense ver con claridade o Pico Sacro, o aeroporto de Lavacolla, varias parroquias de Touro e as serras próximas do Farelo, Candán e Barbanza. En días despexados e con axuda duns prismáticos pode albiscarse algún dos picos do Ancares.
No coto está documentado un Castro da Idade de Ferro de forma ovalada, composto por un recinto definido por un terraplén e unha terraza a xeito de antecastro na parte norte; ademais das tres covas.
Dende esta paraxe pódese avistar a localización do asentamento militar romano do Castrillón .
No pasado, o cumio do monte albergou a ermida de San Sebastián, que na actualidade se atopa no seu pé, onde se celebra a Romaría do Coto de Loxo , cada primeiro de xullo.