Mural “Entroido”
Autora: Ana Santiso
Ano de realización: 2025
Ubicación: Lateral Oficina de Turismo
Nesta obra, Ana Santiso achéganos a unha das celebracións máis importantes galegas, Entroido tradicional da zona, os Xenerais da Ulla.
Este entroido declarado de interese turístico de Galicia en setembro do 2013 é eminentemente rural. Non só está presente neste municipio, senón no que sería o val natural do Ulla podendo verse ademais en diferentes parroquias dos concellos da Estrada, Boqueixón, Santiago, Silleda, Teo, Vedra e Vila de Cruces.
O mural fainos espectadores dun momento de festa, onde podemos ver representadas as personaxes máis importantes do mesmo. Os xenerais cos sombreiros sobre os cabalos engalanados, pasando por arcos de mimosas, o sentinela en primeiro plano, o vello dos cornos, a parranda, o coro dos vellos ou o pregón do frade.
Deste xeito, a artista non só representa un momento do Entroido, senón que nos achega a unha celebración que forma parte da identidade da zona e da memoria das persoas que a viven e seguen mantendo esta festa tradicional.
